Wednesday 15 de May de 2024

O Concello da Pobra habilita un Espazo Violeta durante os festexos do Carme dos Pincheiros


A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal impulsa varias medidas coas cales contribuír a unhas festas do Carme dos Pincheiros libres de agresións machistas.

Unha destas accións é a localización dun Espazo Violeta nas inmediacións do parque do Castelo, segundo avanza a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, acompañada da asesora xurídica á muller, María Pérez, e Alba Pérez, educadora social de Exeria, quen o atenderá ofrecendo información e realizando actividades que buscan concienciar e sensibilizar sobre as agresións machistas, ademais de informar e acompañar sobre os pasos por seguir de se producir un episodio desta índole. Contarase con este espazo en horarios principalmente nocturnos por se-los de maior actividade festiva e afluencia de xente: venres 18 (de 23.00 a 01.00 horas), sábado 19 (de 17.00 a 03.00 horas) e domingo 20 (de 23.00 a 01.00 horas). Alí tamén haberá á disposición unhas 500 pulseiras co lema #apobracontraaviolenciamachista, ademais de folletos informativos sobre as violencias machistas e mochilas da campaña.

A edil incide en que “é fundamental a loita contra as violencias machistas”, polo cal se segue así na senda de seguir a informa-la cidadanía sobre a situación que viven as mulleres, nesta ocasión, en contextos de ocio, polo cal a Administración local impulsa unha serie de propostas que buscan contribuír a unhas celebracións seguras e de desfrute para toda a sociedade.

Outro dos recursos é a distribución de máis dun milleiro de tapas para os vasos como medida contra a submisión química, dándolle así continuidade a este proxecto piloto iniciado no pasado ano.
A maiores, repartirase material divulgativo cos protocolos de actuación e recursos telefónicos nunha trintena de establecementos hostaleiros que colaboran con esta campaña e, na porta dos aseos das mulleres, disporase dun plano coa situación e horarios do Espazo Violeta.